Thursday 02 de May de 2024

O Concello de Brión pon en marcha un Punto de Interese sobre Igualdade na Biblioteca Municipal


A iniciativa enmárcase no programa de accións en materia de igualdade e loita contra a violencia de xénero para 2016, que inclúe a presentación do III Plan de Igualdade e dunha Guía de linguaxe non sexista

O Concello de Brión aproveitará a conmemoración mañá martes 8 de marzo do Día Internacional da Muller para poñer en marcha un Punto de Interese sobre Igualdade na Biblioteca Municipal. Unha iniciativa que estará conformada por unha escolma de documentos bibliográficos e audiovisuais sobre a igualdade social entre mulleres e homes, así como a prevención da violencia de xénero.

Este material, independentemente do seu formato, estará accesible de xeito permanente a toda a cidadanía e estará dispoñible tanto para consulta en sala como para empréstito a domicilio. Este Punto de Interese sobre Igualdade actualizarase ao longo do ano coas incorporacións procedentes das propias coleccións da biblioteca, novas adquisicións e doazóns de institución ou particulares. Así mesmo, o punto contará cunha caixa de suxestións e un “Muro da igualdade”·, onde os visitantes poderán deixar mensaxes relacionadas coa igualdade e a loita contra a violencia de xénero.

A posta en marcha deste Punto de Interese sobre Igualdade é a primeira das accións que o Concello de Brión ten previsto desenvolver ao longo do 2016 en materia de igualdade e loita contra a violencia de xénero. A próxima será a presentación do III Plan de Igualdade entre Homes e Mulleres, que está a ultimar o Departamento de Servizos Sociais, así como a difusión das conclusións e da avaliación do plan anterior. Entre os proxectos previstos neste novo plan figura a creación e difusión dunha “Guía de linguaxe non sexista”, especialmente dirixido á Administración municipal.